Os medios de comunicación camuflaron estes días, entre predicións de pactos post-electorais e imaxes da Infanta Cristina sentada fronte a un xuíz, unha nova inquietante que pasou desapercibida para moitos: escritores do calibre de Caballero Bonald (todo un Premio Cervantes), Eduardo Mendoza ou Javier Reverte, entre outros, están sendo sancionados pola Seguridade Social por un terrible delito: cobrar os dereitos de autor dos seus libros e, ao tempo, a pensión de xubilación.
Unha estafa, seica. Ingresos duplicados, seica. Todo un monumento á corrupción, seica.
A noticia resulta tan estrafalaria que precisa que un xubilado que teña unha vivenda en aluguer, pode cobrar eses cartos xunto á súa pensión sen problema. Mesmo os herdeiros dos escritores, o día que se xubilen, tamén poderán seguir a recibir os ingresos xerados polos libros dos seus devanceiros sen sanción. Pero os autores non. Son estafadores.
Só unha humilde reflexión dende este curruncho do mundo. Eu, pregúntome: ¿existe algunha propiedade máis lexitimamente nosa que a que sae do noso maxín? As terras pódense mercar con cartos, as vivendas tamén, as accións das grandes empresas… Todas esas cousas que xeran máis cartos derivan, precisamente, dos cartos. Pero os dereitos de autor só derivan da creatividade propia, da nosa capacidade para fabular, para explicar, para compoñer, para pintar, para describir o mundo dende o noso particular punto de vista. Medidas como a que está a adoptar a Seguridade Social o único que fan é destruir o máis senlleiro e definitorio deste e de calquera país: a súa cultura. E se estragamos a nosa cultura, o camiño que nos espera non pode ser outro que o do pensamento único ¿É ou non é desesperanzador?