Para que (me) serve a poesía?

Categoría: Opinión

A poesía, considerada un xénero literario nos manuais de literatura e nos libros de texto da nosa etapa escolar, non só é a ferramenta empregada polos escritores para facer poemas e libros, quizais iso, só sexa unha pequena parte, imprescindible, pero non a máis importante.

A poesía é tatuar nas pupilas un prisma para observar ó teu redor. Filtralo para que da multitude, os pequenos detalles, invisibles para o ollo humano, se reteñan nas pupilas ese instante suficiente; para logo, gardalo nun caixón desordenado e remexer cando sexa necesario.

A poesía sérveme para entender o sorriso dunha dependenta. Para dicir: “quérote” e un exército de palabras o defendan. Para non gardarme o que non che dixen aquela noite nun bar. Para ter sempre aberta a fonte inesgotable da que beber (cando sinta a necesidade de saciar unha extraña sede).

A poesía é o instrumento para expresar o meu compromiso e intentar facer un mundo mellor. Para non esquecerme de tódalas alegrías e tristezas da vida cotiá. Para que os meus amigos, comecen un novo conto ou fagan unha boa canción.

Preciso da poesía para moitas cousas… Pensa, para que che serve a ti?

Compartir na redes sociais: