Cando oímos falar de teatro imaxinámonos, se non somos actores, actrices ou profesionais da escena, sentados nunha butaca esperando a que se abra o pano e nos ofrezan un espectáculo en directo, que nos faga sentir. Ser público é parte fundamental nun espectáculo teatral. O público infantil, afortunadamente, ten a día de hoxe a oportunidade de gozar dun teatro de calidade na nosa terra, posto que contamos con moi bos profesionais tanto escribindo pezas de teatro para nenos e nenas coma interpretándoas. Cada vez son máis, tamén, as pezas que xogan co público e buscan a súa interacción na obra que se está a desenvolver. Porén, todas elas son pezas para público infantil, pero feito por actores adultos.
Mais tamén é importante que o público infantil suba ao escenario. Son moitos os colexios e institutos que xa traballan o teatro nas aulas, onde nenos e nenas pasan de ser espectadores a ser actores e actrices, especialistas en decorados, vestiario, son… O teatro coma ferramenta na aprendizaxe é mesmo materia curricular en moitos centros educativos. Co teatro imos traballar a memoria, a expresión oral e corporal, a comprensión de textos, a psicoloxía, aprendendo a meternos na pel doutro, interiorizando emocións e, por suposto, traballaremos a lingua, a nosa lingua, porque os “nosos actores e actrices” farán seus discursos en galego, que van comprender e expresar. Apréndese máis léxico e gramática, a colocación do pronome átono, poñamos por caso, ensaiando unha obra de teatro, que memorizando listaxes de vocabulario ou chapando as regras de colocación do pronome, para cuspilas nun exame e logo resetear.
Mais, o teatro segue a ser un xénero menor e habitualmente dáse na última unidade do curso – así acostuma aparecer nos libros de texto – e de forma teórica, perdendo con isto toda a riqueza que nos pode aportar. Atopámonos, ademais, co problema da falla de textos teatrais para as etapas de primaria e secundaria. Son moitos os profesionais do ensino en secundaria que levan traballando anos coa exitosa obra O achado do castro de Manuel Núñez Singala. En primaria, moitas veces, os textos son creacións dos propios docentes ou adaptacións de obras que foron saíndo dos premios Estornela de teatro, que convoca bianualmente a Fundación Xosé Neira Vilas.
Sería bo que nos puxésemos o nariz vermello do gran Roberto Vidal Bolaño e fixésemos nosas as súas palabras “ o teatro só é tal cando é un feito compartido”