Para min, Balbino cheira a uces, a toxo e a tomentelo. Si, porque na aldea pastando as vacas polo monte acompañoume esta personaxe dende rapaz. Neira Vilas conectou moi ben comigo e cos da miña condición porque nos estaba falando dende o amor á terra.
Máis tarde a sorte deu comigo no primeiro traballo nunha libraría de Vigo onde papei todo o ciclo do neno de Akal que se gardaba nun recuncho da tenda xunto co resto das escasas obras en galego.
Finalmente a vida levoume a aterrar de comercial na Editorial Galaxia. Alí, perdido nun bosque de autores moitos deles mortos foi onde lle puxen cara a Pepe Neira. Pepe chamaba ás veces contra as oito da mañá para consultarnos calquera cousa das moitas nas que andaba metido. Eu tiña a imaxe preconcibida dun señor moi maior pero a sorpresa foi que Pepe transmitía tal vitalidade que rachou toda expectativa.
Quero expresar a emoción que sentiu un rapaz coma min, si, ese rapaz da aldea, acompañando a Pepe Neira en tantos encontros cos lectores mozos e nenos por Galicia adiante. Quero dicirlle á xente que ó seu carón tiña a sensación de que me falaba meu tío ou mesmo meu pai sempre con esa luz e ese sorriso que tanta ilusión transmitía a quen tivo a sorte de o escoitar.