( Lembrando á entrañable amiga, que xa anda polos vieiros do azul)
As fiestras do mar ábrense
cando miras á inmensidade
Un tremor incerto rómpese nos vidros da auga,
do misterio
que alumea o acompasado ritmo do corazón
Navegar sen estrela dos ventos
ata a beira sen nome,
na lonxana espiral dos anceios
O frío branco do sono: laberinto que creba os recordos
A chuvia: pingas fluorescentes
Illas inventadas
Vieiros ata as portas do infindo
A silueta do alén
A MÚSICA DO VENTO
Adentrémonos no azul,
pola ribeira sen ondas,
no fío da alma
Remontar o río contra corrente
O ritmo transita polo corpo
para demostrar afervoadamente
a beleza inconfundible do amor
(Do libro XXI POEMAS NUN GRIDO DE LUZ)
7-XULLO 2015