Manuel María, no Parnaso galego

Categoría: Opinión

Benvido, moi querido Manuel María, ao Parnaso galego que, desde a RAG -a Casa da Palabra, como gusta de chamar Xesús Alonso Montero- se te convoca. Entras nese grupo supremo dos nosos escritores, elixidos para seren homenaxeados no Día das Letras Galegas. Sodes os galegos, escollidos pola altura do voso espírito encarnado na lingua, que nos identifica como nación.
Ti, Manuel, deches moitísimo de ti á nosa terra galega. Entraches nela co corazón aberto. Nesta inmensa canteira de cultura, historia, arte, lingua… ata converterte, sensiblemente, na propia canteira que amabas. E, como Rosalía, fúchela asimilando ata te facer alma da súa alma, sangue das túas veas. Palabra, mesmo ritual da túa configuración intelectual e popular… Tanto amor a Galicia, que es ti mesmo, como en Rosalía. Osmose por amor. O aire, Os ríos, que espellaron a túa infancia de neno pensativo. A terra. Amante. Amada. E mesmo o mar que arelabas de sempre, ao que ao final te entregas. E o fulgor, que ese lume xa ía no corazón. A luz que emerxe e entra coma unha rosa. As árbores. As rochas. Todo ingresaba en ti, súbito, con só abrires os ollos á túa Terra Chá. Teu Paradiso.
E toda a terra galega agardaba por ti, polo teu canto aprendido das aves. Teño aquí tres sonetos teus en Nordés, dedicados ao noso Pimentel: O cuco: «Entrégome, sen máis, ao teu engado». A anduriña: «Que vivías con nós, na nosa casa!». A laberca: «Sen ti non podo viver nen ensoñar». Neno abraiado diante de tanta fermosura. Ti, por amor, te consagras poeta desde o primeiro día… Benvido, moi querido Manuel María, ao Parnaso dos que aman e son amados. Que a querida Saleta -o outro grande amor- recolla no Gran Día o teu legado. Noraboa para todos. Aquí. Sempre en Galicia.
(este artigo foi publicado orixinalmente en LA VOZ DE GALICIA o 14 de xullo de 2015)

Compartir na redes sociais: