Crise e xornalismo

Categoría: Opinión

Forma parte do cotián. Xa ninguén repara en botar uns minutos lendo unha nova acerca do peche dalgún medio de comunicación, ou o despido de xornalistas. O que debería ser excepcional, xa é tristemente habitual.
A crise entrou a fondo no xornalismo e quizais o peor é que chegou con gañas de instalarse. Son dos que pensa, bendito romanticismo, que cada vez que pecha un medio somos menos libres.
Este é un oficio de alto risco, con cada vez mais traballadores con soldos mileuristas, que se está a voltar excesivamente vulnerable, excesivamente controlabre.
Nestes tempos de precariedade, este problema adquire unha dimensión especial nos medios, pola súa repercusión social. Ante a necesidade de cadrar balances, non se depende unicamente da publicidade privada ou dos bancos, depéndese tamén dos ingresos chegados dende as institucións. Neste último caso, perigo.
Esta é una opción sinónimo de control político. Sempre foi así, pero ata hai pouco tempo era cuestión de regateala. Agora xa non é tan doado. Cando hai cartos en xogo, que ademais necesitas, os códigos deontolóxicos, tamén creban.
As decisións xa non son tomadas por xornalistas. Tománse noutros despachos, alleos á profesión. Con elo, imos sendo menos libres.
Así, xa non van quedando lugares para poder contar historias, para a denuncia, para a cultura…para o galego. Ou quizais si, recunchos de 140 caracteres, onde os xornalistas todavía se sintan libres. Demasiado pouco.

Compartir na redes sociais: