Non levamos nin un mes de novo governo que xa nos atopamos ás portas dunha reforma, iso si, moi superficial, do sistema educativo. Lembremos que a última, tivo lugar o verán pasado.
Isto ten sempre a mesma lectura para min: cada novo ministro é como aquel albanel que o faría todo diferente ao anterior para demostrarnos a sú valía. Non quere ser menos có anterior, e, nun claro exercicio de narcisismo, espera que se lle recorde pola súa fantástica aportación ao futuro dos nosos fillos.
Non me importaría para nada que reformaran a educación, creo que leva necesitando un cambio radical dende a famosa LOGSE, unha metedura de zoca gargantuesca, aínda que con boas intencións (mais é que con intencións non se chega a ningures…).
Pois non me importaría, non me cabrearía, se non fora porque nunca se lles ocurre aos Srs Ministros da Educación preguntar aos que se supón que algo diso saben, é dicir aos profes. Non lle preguntan nin aos orientadores que adornan os IES sen saber moitas veces como axudar aqueles que os necesitan, por falta de medios. E por suposto, dos medios para conseguir aquilo que se propoñen cambiar, nin pío.
O Sr. Wert pretende cambiar o sistema actual a unha ESO, un FP medio e un bacharelato de tres anos, e tamén parece que se lle pegou aquilo do “plurilingüismo”. Logo propón, como algo importantísimo para salvar a integridade dos nosos pupilos, mudar unha materia que cambia de EC para ECC, é dicir, un cambio de carpeta da que os folios seguirán caíndo ao chan.