CANDO O TAMAÑO SI IMPORTA

Categoría: Opinión



Eu escribo curto. Escribo curto porque a vida non é unha novela por entregas. Non podes detela ata o vindeiro capítulo. Refírome á vida real. Á vida que temos todos. Esa na que tes que madrugar para ir traballar, pasar polo súper a mercar leite, levar aos teus fillos a actividades, e mesmo acadar tempo libre para facer exercicio, ler ese libro que esmorece na mesiña de noite e quedar con esa vella amiga que hai tres meses que non ves.

A vida real tamén é curta e navega a velocidades supersónicas que farían estoupar toda a rede de radares da garda civil. E de repente xorde a oportunidade de condensala, xa sexa nun instante, nunha imaxe ou nun pequeno detalle. Como non ía caer rendida ao xénero curto? A micro ficción atrapa a todo mundo. Nesa vida vertixinosa, onde os cento corenta caracteres se impoñen, moitos nos sentimos atrapados por esa necesidade de condensar, de ofrecer historias breves que teñen un punto final sobre o papel pero un longo percorrido na mente do lector. A micro ficción obriga ao lector a participar. A cubrir os ocos baleiros da historia. A adiviñar o que non se di, que sempre é máis profundo que o que se di. Cando a xente me pregunta como fun quen de condensar a historia de Val Valdés nunha novela curta eu sempre digo que se trata tan só de desbotar o que non é importante. De prescindir de todo o que sobra. Oxalá puidésemos facer o mesmo na vida real. Pero xa o dixen. A vida non é unha novela por entregas.

Compartir na redes sociais: