Teño a estraña sensación de que Vic almorza comigo dende que hai un par de días, o presentáramos de xeito oficial na Libraría Couceiro. Aínda que é bastante alto para a súa idade, vexo como se ten que estirar para coller as galletas da alacena da cociña, e incluso mira para min pedindo con olliños tristes que lle axude, pois as de chocolate están no fondo do armario e a esas non lle chega. Pero eu non lle podo axudar, pois Vic non existe: é un neno inventado que protagoniza a miña primeira novela infantil. E se iso é así… por que senta na mesa da cociña a sorber dun vaso de leite? Un momento… o neno que imaxinei sorbe o leite? Non pode ser, que deixe de sorber inmediatamente!
Polo día non me acompaña, non sei onde se mete. Pero á notiña, volvo á casa e alí está, lendo algún libro de aventuras cos pés enriba da mesa do salón. Será posible! Vic, polo menos quita os zapatos! A miña cadela non lle ten medo, é como se o coñecera de toda a vida, e durme sobre a alfombra con respiración profunda.
Aviso a futuros autores: TODO O QUE DESEXÁSTEDES CON FORZA mentres escribíades, correxíades e traballábades na vosa obra, faise automáticamente realidade o día da presentación. TODO. Así que procurade que o protagonista da vosa historia non sexa un dragón de plumas azuis, porque non sei como o ides meter na casa…