Benxamín Casal

Categoría: Opinión

Esta fin de semana celebramos en Lugo, no Círculo das Artes, un acto cívico en memoria de Benxamín Casal (1935-2013), que foi presidente da Editorial Galaxia ata agosto do pasado ano. Non foi un acto de despedida. Foi unha celebración: a celebración de coñecer a unha persoa coma el, comprometida co seu tempo e coa Galicia máis activa e máis moderna; celebración por poder compartir unha etapa de traballo rica e esperanzada.
Titulamos o acto, no que falaron institucións e algúns amigos, “a forza da intelixencia”, porque nos pareceu que era a mellor definición da súa personalidade: forza, entusiasmo, optimismo intelixente (que non disimula as dificultades, mais non renuncia a superalas) e intelixencia para comprender e actuar, para peneirar e priorizar, tamén para concliar vontades nas mesas de dialogo ou debate.
Botamos de falta a Benxamín Casal. Mais o río continúa, e os que seguimos nel sentímonos obrigados, hoxe máis ca nunca, a continuar remando, conscientes de que os proxectos ambiciosos (Galicia, a súa identidade, a nosa lingua, a nosa cultura) non é traballo dunha ducia de persoas, moito menos da iluminación dun individuo, senón da constancia e da teimosía de equipos humanos, da sociedade no seu conxunto, que deste xeito se fortalece decote a si mesma.

Compartir na redes sociais: