A gravidade das ondas

Categoría: Opinión



Asisto abraiada á confirmación da existencia das ondas gravitacionais mentres o meu cerebro de misto se afana en comprender o que le no xornal. Einstein predeciu hai un século que existen perturbacións no espazo-tempo producidas por fenómenos astronómicos de gran violencia. No día no que escribo estas liñas, Día da Muller na Ciencia, cáptanse as ondas dun violento abrazo entre dous buracos negros ocorrido hai 1300 millóns de anos. E é curioso, porque ao meu siso letrífero ocórreselle canto hai de poesía neste descubrimento, mentres nos abeiramos á orela deste recantiño insignificante na nosa praia dos tempos e intentamos desenlear o nobelo da orixe de toda esa xerfa milenaria.

E matino en canto de noso quedará, e cales serán os ecos dos nosos feitos no futuro, e tamén en canto de noso chegou a nós desde o pasado. E no que nos segue chegando.

E así, pensando, que estes días de cans dan para moito cavilar, continúo coa información do día ata que leo con indignación outras noticias destacadas: “Un bar de Ordes busca unha camareira guapa e un pouco puta”; “Asasinada con arma de fogo unha muller en Becerreá”; “En España hai unha media de tres mulleres violadas cada día”.

E dáme por pensar nas ondas, pero non naquelas, senón noutras derivadas do odio e do abuso, vestixios insoportables de marexadas e violencia non extintas, e penso no camiño que temos por andar. Cómpre bulir, aínda nos queda todo un universo.

Compartir na redes sociais: