Así titula Ramón Villares o derradeiro capítulo da súa nova edición da “Historia de Galicia”, reeditada, ampliada e enriquecida tanto na versión en galego (Galaxia) como a impresa en Buenos Aires (Mar Maior) que presentamos estes días na 42 edición da Feira do Libro da capital porteña, este ano dedicada á cidade de Santiago de Compostela. Calcúase que un millón e medio de visitantes pasarán nestas semanas polas instalación da Feira.
A Galicia de Buenos Aires. A memoria dos nosos avós e, asemade, a actividade puxante dos seus netos. Hai unha Galicia viva que tamén esta aquí, nisto que algúns denominan a “quinta provincia” e que Castelao no seu día, na angostura do exilio, calificou agradecido como a “Galicia ideal”.
Seguramente non existe a Galicia ideal. A Galicia ideal é a que levamos e construímos decote cada un de nós. Pero destoutro lado do mundo, onde agora estamos, lanzando este novo soño de Editorial Galaxia (Mar Maior), esa Galicia está viva, respira, ten as súas arelas, defende os seus soños, ás veces ¿por qué non? tamén os seus desencantos e as suas frustracións. Pero vive! Respira! E nós, as xente de Galaxia, estamos tamén aquí, como aquel Otero Pedrayo que viaxa por primeira vez a Buenos Aires no ano 1948, tempos ben difíciles e distintos dos nosos, abofé, e leva agochada na equipaxe a Carta Xeográfica de Domingo Fontan que hoxe podemos ver no Centro Galego na rúa Belgrano. O corazón de Galicia. Un dos seus moitos corazóns posibles.