Alfredo Ferreiro

Categoría: Recensión

Manuel Forcadela debulla o imaxinario nacional moderno antes da década dos sesenta, onde sitúa a obra narrativa de Cunqueiro como unha das pedras basilares do que denomina "modelo romántico". Un modelo que "vincula o noso imaxinario nacional a unha tradición de natureza telúrica e dionisíaca, sempre establecida no ámbito do irracional e do místico", e permanentemente orientada ás ansias de transcendentalidade.
Porén, 'A mecánica da maxia' non se detén nesa profunda análise literaria adubada con pertinente aparato teórico-literario e a habitual perspicacia de Forcadela. Tamén fornece datos e reflexións preciosos que brillan no leito dun discurso que semella xa imprescindible para comprender como o xenio de Cunqueiro tivo que navegar nas autoritarias correntes da Dictadura, e como a necesidade que o seu talento tiña de non zozobrar influiu nas actitudes que foi adoptando ao longo da súa carreira como brillante creador en dous sistemas literarios.
Un libro, en definitiva, erudito e ameno, teórico e lúcido, que resalta a técnica dun autor de vulto sen esquecer a importancia das decisións dun home na época que lle tocou vivir.

Compartir na redes sociais: