Hai moitos traballos escritos, aínda que non dabondo, pola importancia que a emigración representa en Galiza no socio-económico, no político ou no cultural, pero este, é un traballo esperado de profundo contido metafórico a partir de narracións autobiográficas de pacientes "relatos pechados, que non son capaces de dar conta de moita da riqureza experiencial da xente, senón que a anulan". Relatos que tamén bulen nas cabezas doutros retornados que nunca pasamos por unha consulta pero que nos resultan familiares ou vémonos reflexados
Os emigrantes facemos moitas veces unha tradución literal das nosas vivencias con opinions que non importan moito porque facemos parte de ningures. Si o roce fai o cariño a vida diaria é necesaria para non perder os vínculos coas raices, ainda así, hai graos de integración, hoxe podemos estar máis ou menos ao día do que ocorre na Galiza desde lonxe e estar en contacto coa familia dun xeito que non podíamos facer hai pouco tempo atrás, pero nen as tecnoloxías nen a información máis acaída cobre certos vacíos moi difíceis de encher. A distancia crea realidades que poden confundirnos.
Esa dupla vida do retornado que xa non volve ser aquel que espera a familia de cando se foi, a segunda morriña…todo un mundo de ilusións, inquedanzas, sofrimentos ou alegrías, o chalé ou o coche non pagan os anos de ausencia nin o recoñecemento a tanto esforzo invisibel, en tanto que o cacique segue sendo a cabeza máis visíbel nunha sociedade que procura armonía nesa utopía do paraiso. Son experiencias impresas nun traballo que a sociedade galega en xeral e non só os emigrantes necesitaba, Psicopatoloxía do Retorno veu encher un oco moi grande no mundo da emigración.
O meu desexo é que teña continuación, porque é un tema moi complexo que atinxe non só a unha grande parte da nosa poboación cando retorna e seus familiares, que tamen, este libro é de interese para a sociedade galega en xeral que debe coñecerse mellor a si mesma, e sentir a esta parte do pobo como vital polas súas experiencias e recursos, para mellor comunicarse e, poidera que tamén, para declarar un día á emigración na Galiza, como unha bendizon do demo da que tantos galegos e galegas nos safamos como puidemos. Por moito que esta situación (hipocresía aparte) non moleste en ámbitos galegos, estatais ou o mesmo Benedicto XVl, diga que "a emigración non é un problema senón un recurso para a humanidade", na Galiza temos outros recursos para aportar á humanidade.