A novela negra sempre foi un xénero marxinal na nosa literatura, mesmo semella que ela mesma procurou o malditismo. Mesmo houbo escritores xeralistas que a practicaron dando por supostos uns éxitos de vendas que nunca chegaron. Carlos Reigosa vendeu 35.000 exemplares de Crime en Compostela, mais nunca repetiu o logro; Edicións Xerais chegou a ter unha colección; Bieito Iglesias tamén fixo os seus intentos, amais de agasallarnos co Sherlock Holmes; como fixeron Xosé Miranda, Suso de Toro e o seu irmán Xelís.
A nosa novela negra esmoreceu, mais volve agromar. As entregas novas veñen asinadas por Diego Ameixeiras, Miguel Anxo Fernández ou Manuel Forcadela, e Galaxia ven de publicar unha obra mestra, Ollos de auga, que asina Domingo Villar. Esta súa primeira obra vai ter versión española en Siruela e italiana en Feltrinelli. Villar logra un exercicio de xénero tan axustado ao modelo clásico como salientable. O seu detective, Leo Caldas, afronta o asasinato dun saxofonista de ollos moles en Vigo. O investigador vaise mover entre os clubes de jazz e os ambientes máis acaudalados, nun clasicismo roto unicamente por termar el dunha tertulia radiofónica. Amais da axilidade e a documentación, chama desta novela o sentido do humor, introducido polo axudante de Caldas, Rafael Estévez, un aragonés brután que se ve desconcertado a cada volta polas sinuosidades e incertidumes dos galegos. "Inspector, ¿cando esta muller di "penso que non", quere dicir que "non"?", pregunta desconcertado.